Xunta de Confrarías
A Real Confraría Penitencial do Santísimo Cristo da Unción e da Nosa Señora da Serenidade, tal é a súa denominación oficial, fundouse por iniciativa da Asociación de Antigos Alumnos das Escolas da Inmaculada de Santiago no ano 1953 e saíu por primeira vez á rúa o Sábado Santo do ano seguinte. Tras un baleiro de varios anos, en 1993, e grazas ao empeño dun grupo de antigos alumnos e confrades, recuperou a súa presenza na Semana Santa compostelá.
Así, cada Sábado Santo, as rúas da zona antiga compostelá acollen a beleza dos pasos da Virxe da Serenidade, do Cristo da Unción, do Cristo Crucificado e da Sección de Infantes da Serenidade (nenos menores de 14 anos) coa chamada Cruz dos Infantes.
En febreiro de 2014, a Casa do Rei concédelle o título de Real.
Os fins desta Confraría son a promoción do culto público, no nome da Igrexa, dos misterios da Paixón, Morte e Resurrección do Señor, do Santísimo Sacramento da Eucaristía, da Santísima Virxe María e dos santos.
Actualmente, a Confraría está irmandada coa Pontificia, Real e Ilustre Confraría da Nosa Señora das Angustias de Ferrol, coa Confraría da Santa Cea de Baeza de Xaén e coa Ilustre, Humilde e Fervorosa Irmandade e Confraría de Nazarenos da Flaxelación do Noso Pai Xesús da Bondade e María Santísima do Consolo de Cidade Real.

Pensouse que a titular sería unha Virxe, que representaría a María, pero non en actitude de contida ou desbordada dor, como era habitual, senón de nai que entende e acepta o sacrificio do seu Fillo e que, serena, sabe que ese sacrificio marcaría o comezo dunha nova xeración na historia da humanidade.
Foi ese modelo representativo o que se lle encargou ao escultor, artista e antigo alumno das escolas, don Castor Lata. E o artista reproduciu exactamente o que se lle pediu. Tallou a doce figura que, de inmediato, foi bautizada como Virxe da Serenidade e que en 1954 saía ás rúas de Santiago por primeira vez.
SANTÍSIMO CRISTO DA UNCIÓNNo ano 1957, estreábase un novo paso, tamén do xenial autor don Castor Lata, o Cristo da Unción. A idea inicial dun Cristo xacente rodeado de anxos cambiouse, por consello do cardeal Quiroga, pola que logo foi a definitiva, o momento do enterro co corpo exánime de Xesús, acollido entre os santos homes, mentres un anxo, recordo do proxecto inicial, lles daba acubillo amorosamente.

Nese mesmo ano, creouse a Sección dos Infantes, que despois se convertería, ata a actualidade, nun dos principais sinais de identidade da irmandade. Está conformada por vinte e dous nenos portadores dunha gran cruz e é única ata hoxe en Galicia e tamén en España. Tamén se creou a Sección das Damas da Serenidade, nun momento no que ás mulleres non lles estaba permitido integrar as confrarías como penitentes con hábito.

No ano 2006, constitúese a Sección Xuvenil, formada por un grupo de trinta e un mozos e creada cunha aspiración de integrar todos os mozos e de lles dar continuidade dentro da irmandade. Ese mesmo ano, a Sección Xuvenil saca á rúa unha imaxe de Cristo crucificado, que se atopa exposta na capela da Escola.
Concepción Arenal - Rúa García Blanco - Rúa Concepción Arenal - Rúa Fonte de Sto. Antonio - Rúa Orfas - Rúa Nova - Rúa de Xelmírez - Praza das Praterías - Rúa do Vilar - Porta Faxeira - Campo da Estrela - Rúa Senra - Rúa Fonte de Sto. Antonio - Rúa Concepción Arenal
COTA:
Adultos: 30 € | Nenos (menores de 18 anos): 15 €
© Xunta de Confrarías da Semana Santa de Santiago de Compostela 2020 - Deseño web Chia na rede