
Xunta de Confrarías
Xunta de Confrarías
A historia da Xunta de Confrarías conta con numerosas páxinas en branco, e isto é debido a que non posúe unha sede propia onde poder albergar toda a súa documentación e patrimonio e tamén á súa aparición e desaparición durante o transcurso da historia.
O que si coñecemos é que a Xunta de Confrarías de Santiago de Compostela foi constituída co fin de regular todas as confrarías da cidade. A Semana Santa compostelá ten unha gran tradición ás súas costas e, por este motivo, case todas as parroquias da zona histórica da cidade crearon a súa propia confraría. Ao tratarse dun número considerable, xurdiu a necesidade de reunirse ao amparo desta Xunta para planificar os actos, cultos, oficios e as propias procesións da Semana Santa. As reunións desta Xunta fóronse levando a cabo en diferentes espazos, todos eles propiedade dalgunha das parroquias ou, mesmo, do propio Arcebispado de Santiago. A día de hoxe, aínda perdura a tradición de que a celebración destas reunións sexa o terceiro martes de cada mes.
Un dos motivos principais de que a Xunta de Confrarías non conte con esta documentación, e mesmo con patrimonio propio, débese a que o posto de presidente ou presidenta non se exercía nin por votación nin por consenso, senón que se establecía, case por obrigación, durante dous anos e ía rotando por orde de antigüidade, desde a fundación da Confraría máis antiga ata a máis nova.
Nesta Xunta de Confrarías poucas eran as decisións que se adoptaban. As reunións servían como encontro das confrarías para compartir os cultos que cada unha organizaba, así como para lle dar o visto e prace ao pregón a ao pregoeiro de cada ano.
Como curiosidade, convén salientar que o deseño e a elección de pregoeiro nunca lle correspondeu á Xunta de Confrarías, senón que cada ano era responsabilidade dunha confraría, ao igual que o posto de presidente ou presidenta. Deste xeito, cada unha delas deseñaba o cartel cunha das súas imaxes e, no referente ao pregoeiro, escollía unha persoa que fose referente dentro da súa confraría.
Sen dúbida, desde o ano 2001, a Xunta de Confrarías experimentou un notable cambio de cara á modernización e foi quen de regular dunha forma máis estrita as confrarías que ampara. Debemos ter en conta que, desde o 2008, ano no que se fundou a confraría máis recente, forman parte da propia Xunta un total de 13 confrarías e irmandades da cidade.
Este cambio foi grazas aos presidentes que estiveron á fronte nos últimos anos, sen que debamos esquecer os seus antecesores. A razón de que a Xunta de Confrarías contase cunha maior ou menor iniciativa tiña que ver simplemente coa disposición que tivese o seu presidente. Sen dúbida, era complicado que unha persoa fose presidente da Xunta de Confrarías sendo tamén presidente da súa propia confraría, á vez que contaba co seu traballo particular ou con outras particularidades persoais. Esta foi a razón de que se levasen a cabo máis ou menos iniciativas nos diferentes momentos da historia.
Xa na actualidade, convén lembrar que a Xunta de Confrarías lle presentou á Xunta de Galicia toda a documentación pertinente sobre a importancia turística da nosa Semana Santa, o que levou a que fose cualificada no ano 2017 como Festa de Interese Turístico. Sen dúbida ningunha, este foi un importante punto de inflexión, xa que se comezou a levar a cabo un importante labor de promoción e de actos organizados desde a propia Xunta de Confrarías.
Así foi como xurdiu a idea de realizar o Encontro de Semanas Santas de Interese Turístico, un acto que se celebra cada ano previamente ao inicio da Semana Santa, no que se citan representantes de diferentes Xuntas de Confrarías, co fin de coñecer a forma de vivir a Paixón, Morte e Resurrección de Xesús nas rúas de diferentes cidades.
Ademais, a Xunta de Confrarías, dentro desta nova disposición e unión que a caracteriza, deu grandes pasos no que á súa importancia organizativa se refire. Por este motivo, no ano 2019 decidiuse por unanimidade que, cando fose ano santo, a elaboración do cartel e a elección de pregoeiro correse a cargo da propia Xunta de Confrarías. Esta decisión adoptouse co fin de que, nun acto tan importante, se representasen as trece confrarías da cidade. Dentro deste cambio, tamén se conseguía o que foi un proxecto durante anos atrás, a elaboración duns novos estatutos, feitos para adaptarse aos novos tempos e para que a Xunta de Confrarías contase cunha maior marxe de manobra e decisión ante a importancia da promoción, para así pasar a ser unha Festa de Interese Nacional.
© Xunta de Confrarías da Semana Santa de Santiago de Compostela 2020 | Deseño web Chia na rede
Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.
Las cookies estrictamente necesarias tiene que activarse siempre para que podamos guardar tus preferencias de ajustes de cookies.
Si desactivas esta cookie no podremos guardar tus preferencias. Esto significa que cada vez que visites esta web tendrás que activar o desactivar las cookies de nuevo.