A Semana Santa compostelá transcorre desde o Venres de Dores ata o Domingo de Resurrección, á que se suma unha procesión de traslado ao segundo Domingo de Pascua (Dominica In Albis).
Cun total de dezaseis procesións, a conmemoración da Paixón, Morte e Resurrección de Cristo ten lugar nun escenario cun esplendor único e cunha solemnidade incuestionable. Unha paisaxe de pedra chea de balcóns e de galerías a través da cal, durante o día, o sol busca pequenos espazos para iluminar as estreitas rúas da cidade. Un escenario que, ao caer a noite, cando as procesións de carácter penitencial saen das súas sedes, cambia radicalmente para dar paso a unha luz amarela que se reflicte na pedra húmida do chan que pisan os confrades.
Actualmente, a nosa Semana Santa recuperou todo o seu esplendor e conta, cada ano, con maior participación e seguimento e con máis visitantes, que poden profundar no noso patrimonio, visitar as nosas igrexas, conventos, mosteiros e abrazar o apóstolo Santiago na nosa impresionante e recentemente restaurada catedral.