Preséntase a programación da Semana Santa compostelá cunha ampla actividade relixiosa e cultural

  • Percorrerán as rúas da cidade un total de 14 procesións, ás que se suma o exercicio do Santo Vía Crucis e unha histórica procesión de traslado
  •  Seguindo a rotación por orde de antigüidade, o presente ano protagoniza o cartel e elixiu ao pregoeiro a Confraría da Esperanza
  •  O bispo auxiliar de Santiago, monseñor Francisco José Prieto, será o encargado de pronunciar o pregón que terá lugar o domingo 26 de marzo ás 19 horas na Capela Xeral das Ánimas

 Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2023

A sala de prensa do Concello de Santiago acolleu esta mañá a presentación da programación da Semana Santa 2023, na que participou o presidente da Xunta de Confrarías, Luis Seoane, o bispo auxiliar de Santiago, monseñor Francisco José Prieto e o concelleiro de Turismo, Gumersindo Guinarte.

A Semana Santa e os desfiles procesionais, que terán lugar do 31 de marzo ao 9 de abril, veñen precedidos de múltiples actos litúrxicos, culturais e musicais; tal e como leva incluíndo a programación das confrarías nas últimas edicións. En total serán 14 as procesións que percorrerán unha as rúas da cidade, ás que se suma o exercicio do Santo Vía Crucis e a histórica procesión de traslado do Cristo da Paciencia de Conxo. O presidente da Xunta de Confrarías indicou que os desfiles non sofren variacións, salvo pequenas modificacións nos percorridos, que soamente afectan a unha ou dúas rúas da cidade.

Luis Seoane indicou que o presente ano 2023, seguindo a orde de antigüidade das confrarías da cidade, foi a da Esperanza a encargada de elaborar e protagonizar o cartel e de elixir ao pregoeiro, encargo que este ano recaeu sobre o bispo auxiliar, monseñor Francisco José Prieto e que pronunciará o domingo 26 de marzo ás 19 horas na Capela Xeral de Ánimas. O presidente da Xunta de Confrarías destacou que Prieto “é un apaixonado da Semana Santa, da que é un gran coñecedor xa que, ademais de vivila en Galicia, tivo a oportunidade de vivila en Zamora, cidade na que ten orixes familiares”. Á súa vez Seoane salientou que, desde a chegada do bispo auxiliar, a Xunta de Confrarías contou con toda a súa colaboración e axuda en todos os pasos que foron dando para pór en valor a Semana Santa compostelá.

Dentro da actividade litúrxica integrada no programa, a Xunta de Confrarías achega un ano máis todos os actos que levarán a cabo as diferentes confrarías desde o día de hoxe ata a propia Semana Santa, así como aqueles nos que participa o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio e que terán lugar na Catedral de Santiago.  Xa, no referente á actividade cultural, á marxe dalgúns actos das propias confrarías, Luis Seoane destacou o concerto gratuíto que ofrecerá a Banda Municipal que terá lugar no Teatro Principal o sábado 1 de abril, titulado “San Marcos: A Paixón”.

Por último, o presidente da Xunta de Confrarías agradeceu ao Concello de Santiago a súa colaboración no deseño e impresión dos programas que se porán a disposición nas próximas datas tanto na propia oficia de turismo como nas sedes das confrarías, así como a prestación dos servizos de limpeza e seguridade cidadá. Luis Seoane tamén aproveitou para agradecer tanto á asociación de comerciantes “Compostela Monumental” como ao Instituto Europeo “Campus Stellae” a súa colaboración na impresión dos carteis como na prestación dun espazo para albergar a sede da propia Xunta de Confrarías respectivamente.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.