NOSA SEÑORA DA SERENIDADE
Pensouse que a titular sería unha Virxe, que representaría a María, pero non en actitude de contida ou desbordada dor, como era habitual, senón de nai que entende e acepta o sacrificio do seu Fillo e que, serena, sabe que ese sacrificio marcaría o comezo dunha nova xeración na historia da humanidade.
Foi ese modelo representativo o que se lle encargou ao escultor, artista e antigo alumno das escolas, don Castor Lata. E o artista reproduciu exactamente o que se lle pediu. Tallou a doce figura que, de inmediato, foi bautizada como Virxe da Serenidade e que en 1954 saía ás rúas de Santiago por primeira vez.
SANTÍSIMO CRISTO DA UNCIÓN
No ano 1957, estreábase un novo paso, tamén do xenial autor don Castor Lata, o Cristo da Unción. A idea inicial dun Cristo xacente rodeado de anxos cambiouse, por consello do cardeal Quiroga, pola que logo foi a definitiva, o momento do enterro co corpo exánime de Xesús, acollido entre os santos homes, mentres un anxo, recordo do proxecto inicial, lles daba acubillo amorosamente.

CRUZ DOS INFANTES
Nese mesmo ano, creouse a Sección dos Infantes, que despois se convertería, ata a actualidade, nun dos principais sinais de identidade da irmandade. Está conformada por vinte e dous nenos portadores dunha gran cruz e é única ata hoxe en Galicia e tamén en España. Tamén se creou a Sección das Damas da Serenidade, nun momento no que ás mulleres non lles estaba permitido integrar as confrarías como penitentes con hábito.

CRISTO CRUCIFIXADO
No ano 2006, constitúese a Sección Xuvenil, formada por un grupo de trinta e un mozos e creada cunha aspiración de integrar todos os mozos e de lles dar continuidade dentro da irmandade. Ese mesmo ano, a Sección Xuvenil saca á rúa unha imaxe de Cristo crucificado, que se atopa exposta na capela da Escola.