Segundo a tradición, recollida polos seus estatutos, a Confraría Numeraria do Rosario foi fundada durante a segunda metade do século XV por Alonso de Ulloa, Alonso Rodríguez de Silva e Juan Rodríguez de las Navas, anos despois da predicación de san Vicente Ferrer en Compostela en 1455. En recordo da peregrinación xacobea e da predicación deste home santo, dentro da igrexa dominicana de Santiago esculpiuse e mantívose durante moitos anos o célebre cruceiro, que agora preside o campo de San Domingos.
Foi constituída con carácter numerario, e así se conservou ao longo dos séculos, de acordo coas normas do frade Alian de la Roche, que personificaba en cada confrade unha das contas do rosario.
A irmandade conta cos títulos de Real e Ilustre, outorgados polos monarcas españois que, desde os Reis Católicos, son os seus irmáns maiores.
Á parte do cargo de irmán maior, que lle corresponde ao rei, a irmandade ten tres confrades de honra: as súas maxestades a raíña Sofía e a princesa de Asturias e o reverendísimo padre prior da orde de predicadores (dominicos), baixo cuxa dirección espiritual permaneceu a Confraría desde a súa fundación ata a desamortización do século XIX. Tamén forma parte o reverendísimo señor arcebispo de Santiago de Compostela, como prelado natural da Confraría; quince confrades (chanceler, vigairo, secretario, tesoureiro interventor, contador, arquiveiro, fabriqueiro, custodio, visitador, mestre de cerimonias, tres camareiras da Virxe, mordomo) que, xunto ao consiliario, formarán a Xunta de Goberno e, incluídos os anteriores, ata cento cincuenta confrades como máximo.
O escudo da Confraría mostra un só cartel en campo azul, onde se pode contemplar, formando o anagrama de María, un rosario de ouro, do que colga a Cruz de Santiago. Este cartel vai orlado por doce estrelas tamén de ouro sobre fondo de prata e montado todo pola coroa real.
Desde as primeiras constitucións coñecidas, aprobadas polo arcebispo Alonso III de Fonseca en 1516, ata as últimas sancionadas polo rei Carlos III en 1789, mantívose o espírito e as liñas esenciais da configuración da Confraría, tal e como recollen os actuais estatutos, aprobados polo arcebispo de Santiago, don Antonio María Rouco Varela, no ano 1993.
Aberta á igrexa de San Domingos de Bonaval, atópase a capela da Confraría do Rosario, erixida entre 1634 e 1645, segundo planos de Bartolomé Lechuga, e dotada da actual bóveda, mediante o proxecto de frei Gabriel Casas, que executou Pedro García en 1704. A capela levántase sobre o soar que lle cederon os pais dominicos o 16 de febreiro de 1634, a cambio do que posuía a Confraría no lado oposto da igrexa, onde hoxe se levanta o Panteón de Galegos Ilustres.
A Confraría posúe cemiterio propio, que conta cunha entrada pola rúa Bonaval, con portada gótica, onde se pode observar a Virxe de Bonaval. Neste cemiterio teñen dereito de soterramento os confrades e os seus familiares directos. Ademais, cabe destacar que no cemiterio hai soterrados moitos persoeiros ilustres da vida compostelá.