O viacrucis que ten lugar en Santiago de Compostela o Mércores Santo, fundouse no ano 1955 pola Confraría do Noso Pai Xesús Flaxelado e colaboraron con ela as confrarías existentes naqueles momentos: A do Noso Pai Xesús Nazareno e a Santísima Virxe das Dores e a Confraría do Santo Cristo da Unción e A nosa Señora da Serenidade.
Ata o ano 1957 levaba a Cruz de Damasco que é propiedade da Orde Franciscana pero, por temor á súa deterioración, substituíuse polo Cristo da Paciencia de Conxo.
Posteriormente, no ano 1988, despois de varios anos suspendido, o arcebispo da Arquidiocese, o Excmo. e Rvdmo. Sr. D. Antonio María Rouco Varela, encárgalle á Coordinadora das Asociacións Relixiosas Segrares retomar o devandito viacrucis que é tradición en Compostela, e que non se volveu suspender ata os nosos días.
Cada ano foi gañando esplendor. Os primeiros anos levaba a imaxe do Cristo Xacente da Orde Terceira Secular Franciscana que se poñía na parte alta das escaleiras da Praza da Quintana. As estacións estaban representadas por mozas que pertencían a varios catecismos e confrarías. Este viacrucis sempre foi presidido polo arcebispo da Arquidiocese, pero tamén asiste unha representación de todas as confrarías da cidade cos seus hábitos, a Asociación do Traxe Galego, e as asociacións relixiosas segrares coas súas bandeiras e estandartes.
Xa no ano 1992 elabóranse 14 cruces de madeira de máis dun metro de altura para indicar as estacións, que foron bendicidas no altar maior da S.A.M.I. da catedral polo arcebispo.
No ano 2003, a Confraría do Cristo da Paciencia de Conxo, solicita volver participar no viacrucis coa súa imaxe, que a Xunta de Goberno da Coordinadora acepta gustosamente. Neste mesmo ano, tamén se lle suxire ao prelado que o viacrucis se realice por varias rúas compostelás. Foi aceptado e desde entón comézase na igrexa de San Francisco e remata na Praza da Quintana.