CRISTO DA PACIENCIA
A imaxe titular da confraría, o Cristo da Paciencia, obra de Gregorio Fernández, foi realizada en Valladolid no ano 1628, pero o seu uso continuado nas procesións xunto coas inclemencias do tempo fixeron que a talla sufrise unha gran deterioración polo que foi suprimida, para a súa conservación, a súa saída en procesión e é por iso que desde o ano 1915 procesiona unha réplica que lle foi encargada ao imaxineiro compostelán Maximino Magariños.
A imaxe do Cristo da Paciencia feita no ano 1628 non veu para Conxo ata o 1629. A imaxe está colocada no baldaquino do retablo da súa capela, presidíndoo e enaltecéndoo coa súa maxestosidade, é unha imaxe que desprende un gran realismo, característica fundamental do autor, polo que é capaz de transmitir todo o que representa. Chegou a ter pelo e barba "natural" polo que o realismo dos detalles impresionaba de tal maneira o fervor popular que a xente chegou a dicir que ao Cristo de Conxo lle medraban as uñas e máis o pelo, estes engadidos chegaron a estar tan deteriorados que estaban afectando moitísimo a talla. A imaxe do Cristo foi sometida a unha restauración severa (sendo párroco Don Alejandro Barral), desde febreiro de 1981 ata decembro de 1983.
O destino inicial da imaxe de Gregorio Fernández foi a devoción privada da comunidade mercedaria que había entón na parroquia, no mosteiro que hoxe é hospital psiquiátrico (propiedade da Xunta). Nun principio a devoción á imaxe do Cristo estaba vinculada ao culto funerario.
A fama do Cristo de Gregorio Fernández era grande e tamén se foi estendendo paulatinamente por toda Galicia, e o que, nun principio foi de culto privado agora converteuse nun lugar de peregrinación aínda que os que máis acudían, por proximidade, eran os veciños de Conxo e de Santiago que acudían en masa visitar o Cristo, sobre todo o Mércores de Cinza que daquela era a súa festa principal. Como consecuencia da grande afluencia de público a primeira capela do Cristo inaugurada no 1664 (actual sancristía), quedaba pequena e foi por iso que decidiron a construción dunha capela máis grande, paralela á que xa había e sita á esquerda do presbiterio. As obras prolongáronse desde o ano 1729 en que se empezou coa edificación ata o 1743 en que se inaugurou.