Confraría da Humildade foi o nome elixido para esta nacente irmandade. Un nome cheo de valor para os seus fundadores porque, sen ter nada loitaron e loitan por cumprir os seus soños. Luns Santo foi o día elixido para realizar a súa Estación de Penitencia tendo como punto de partida a Igrexa que os acolleu e converteuse na súa Sede Canónica: a Igrexa Parroquial de Santa María do Camiño.
A fundación da Confraría da Humildade ocorreu no ano 2008 pero non sería ata o 2009 cando realizaría a súa primeira Estación de Penitencia. O silencio da noite rompía cos sones da Banda de Cornetas e Tambores da Quinta Angustia. Tras ela, unha representación de todas as confrarías compostelás e, ao final do cortexo, unha imaxe mariana baixo a advocación da Virxe da Humildade; cedida pola Parroquia de Santa María Salomé e portada a ombreiros por oito confrades.
A confraría introduciu un gran cambio no seu cortexo no ano 2011: a forma de carga do paso. Os portadores pasan a cargar desde o interior dun novo paso procesional. Ademais, a Nosa Señora da Humildade estivo acompañada por primeira vez pola Agrupación Musical Virxe da Amargura de Ferrol e en colaboración con esta formación musical, ideou unha iniciativa solidaria bautizada co nome de Humildade pola Solidariedade.
Ós dezasete días do mes de marzo do ano 2012, a nova irmandade tivo a honra de presentar e bendicir a súa nova imaxe titular: a Nosa Señora da Humildade.
No ano 2013, tras solicitar por primeira vez a venia ao Arcebispado de Santiago de Compostela, a Nosa Señora da Humildade saíu en procesión lucindo un novo manto cor burdeos e unha diadema de prata.
No ano 2016, ás portas da Coresma, a Irmandade viu feito realidade uno dos proxectos que sempre estivo en mente: a realización dunha exposición que levou por nome: Unha idea, un soño, unha ilusión. Para finalizar o ano, a Confraría da Humildade convocou o primeiro concurso de debuxos para promover o acto solidario Humildade pola Solidariedade. Para a Semana Santa do 2017, a Confraría da Humildade levou a cabo o I Concurso de Embelecemento de Balcóns, Xanelas e Escaparates de Semana Santa.
No ano do X Aniversario (2018), nunha solemne eucaristía na Igrexa de San Domingos de Bonaval, presidida por Excmo. y Rvdsmo. Sr. arcebispo de Santiago, presentouse e bendeciuse o novo paso procesional de Nosa Señora da Humildade.