A Venerable e Ilustre Confraría do Noso Pai Xesús Nazareno e da Santísima Virxe das Dores foi fundada no ano 1730 polos padres Pedro Chalatayud e Francisco Carbajosa, da Compañía de Xesús —cando era arcebispo desta cidade o ilustrísimo señor Xosé de Yelmo Santibáñez— e por aristócratas cabaleiros na capela de San Caetano. En primeiro lugar, foron admitidos o noso santo padre Clemente XIII, o noso católico rei don Felipe V, o ilustrísimo señor Xosé de Yelmo Santibáñez (arcebispo de Santiago), don Antonio Fernández de Traba (provisor e vigairo xeral do Arcebispado), o licenciado don Uberto de Hermida e Porras (reitor de San Miguel dos Agros) e os párrocos da capela de San Caetano.
A Confraría constituíuse en Santiago o 26 de maio de 1731, data na que o fiscal do Arcebispado, don Xoán Manuel Argaiz, aprobou e asinou as primeiras constitucións.
Os fins da devandita Confraría ou irmandade de devotos foron, nun comezo e entre outros, os de consolar, asistir, acompañar e inhumar os sentenciados á última pena. Para tal fin, a esta Confraría ou asociación concedéuselle en propiedade unha parcela no cemiterio de Pastoriza. No ano 1738, incorporouse a esta Confraría a Arquiconfraría de San Xoán Degolado da Nación Florentina de Roma, cuxa bula de privilexio outorgada polos romanos pontífices se conserva nos arquivos desta Confraría. No ano 1742, trasladouse a súa sede á igrexa de San Miguel desta cidade. No ano 1752, outorgouse a escritura de venda, pola cal a parroquia cede por un prezo convido a capela, as sepulturas, a sancristía e o altar, onde na actualidade está colocada a imaxe da Virxe, obra do escultor Prado. Posteriormente, noutra escritura do ano 1768, adquiriuse a capela que dá fronte ao altar da Virxe, onde se venera a imaxe do noso Pai Xesús Nazareno coa Cruz, obra de Ferreiro. No ano 1770, esta Confraría incorporouse á Facenda do Estado para asistir os axustizados, como así consta na Audiencia do Criminal e na Capitanía Xeral.
Realiza as seguintes funcións relixiosas: o triduo ao noso Pai Xesús Nazareno en Coresma; a solemne novena á Santísima Virxe das Dores, que remata o mesmo día que a Igrexa celebra a súa festa (venres anterior a Venres Santo) e na que, ao finalizar, sae a procesión das Dores; celebra a cerimonia do Santo Encontro, todos os Venres Santos na praza da Quintana e, a continuación, percorre as rúas da nosa cidade en procesión con todas as imaxes que interveñen. Ademais, todos os meses celébrase unha misa polos confrades defuntos, misa que actualmente ten lugar todos os terceiros venres de cada mes.
Convén advertir que esta Confraría no ano 1802 conseguiu unha bula do prior xeral dos servitas de Roma, incorporouna á devandita orde e concedéuselle a graza e indulxencias. Posteriormente, o papa León XII concedeulles tamén indulxencias de grazas e altar privilexiado a todos os confrades que celebrasen a misa nos altares desta Confraría.
O Concello de Santiago solicitoulle a esta Confraría a realización da procesión do Xoves Santo durante varios anos, ao non dispoñer de imaxes para a procesión debido á que foron destruídas polos franceses. Hai constancia destas solicitudes a partir de 1809.
Nota: Están en poder da Confraría libros manuscritos onde se recollen as constitucións e as bulas pontificias da gran suma de indulxencias, que se lle concederon desde o ano da súa fundación (1731).